miércoles, 30 de octubre de 2019

BIBLIOTECA PÚBLICA

Para conmemorar o Día da Biblioteca, o alumnado de 1º ESO visita a Biblioteca Pública de Maceda para desenvolver unha actividade de lectura compartida que incluíu o pregón elaborado por Gemma Pascual, co que foi agasallada a rapazada xunto  co cartel elaborado polo ilustrador Miguel Calatayud.

A SEN CONTO

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.

E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.

Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

Tradución: Héctor Cajaraville







 

martes, 29 de octubre de 2019

ENTRE UNIVERSO E TINTA

Con Entre universo e tinta [astronomía e poesía, science poetry] a escritora Estíbaliz Espinosa compartiu co alumnado de 3º e 4º ESO que se pode aprender ciencia a través da poesía e valorar a importancia da investigación e do coñecemento tecnolóxico, ámbitos nos que tamén tiveron, teñen e terán un importante papel as mulleres, aínda que haxa que seguir loitando polo recoñecemento e pola igualdade.











 

martes, 22 de octubre de 2019

DIVERSIDADE SEXUAL

Da man da escritora Eli Ríos, o alumnado de bacharelato reflexionou sobre a diversidade sexual, a pornografía, as relacións consensuadas e o amor na adolescencia, co fin de desmontar os prexuízos de xénero e reescribir as súas historias dende a liberdade.



 

jueves, 17 de octubre de 2019

OBRADOIRO DE MINICONTOS

Dan comezo as actividades do mes da Biblioteca, en colaboración coa Biblioteca Pública de Maceda, co Obradoiro de Minicontos impartido por Patricia Núñez Sánchez (O faiado de Nin) para alumnado de 2º ESO.