lunes, 16 de marzo de 2015

ENCONTRO CON CARLOS VILA SEXTO

    O día 13 de marzo visitou o noso centro o autor Carlos Vila Sexto para falarnos das súas novelas As sete mortes e Gárgola. Acompañado dunha longa e divertida exposición  foi comentando como comezou a escribir dende cativo, os seus gustos e afeccións, os seus autores preferidos etc… Explicou que á hora de escribir, tanto se inspira en novelas ou películas, como en cómics ou videoxogos. Contounos que el de cativo non só lía, senón que tamén lle gustaba ver moito cine e debuxos animados.
   Despediuse dun xeito especial alentando a todo o alumnado a prestar atención nas clases para poder así ter máis tempo libre na casa e aproveitar para, a quen lle guste, escribir e mostrar ao mundo as súas capacidades. Por último lembrou que, se o desexamos, todos podemos chegar a ser escritores.
 (Cindy Conde Groux, 3º ESO C)

viernes, 13 de marzo de 2015

CORTA COAS DESIGUALDADES

O alumnado de 3º ESO vén de presentar na casa do concello as curtas elaboradas no Obradoiro impartido por Emiliano J. Cossini Benchimol do centro "Quérote". A actividade que se desenvolveu no 2º trimestre na sesión semanal de titoría foi programada polo departamento de Orientación.






miércoles, 11 de marzo de 2015

VOLVO! O REGRESO DE USHA

O alumnado do club de lectura de 2º ESO xa leu Volvo! O regreso de Usha de María Reimóndez. Unha obra moi agardada por estas lectoras/es, xa que o curso pasado na materia de Lingua Galega e Literatura se achegaron a Usha e quedaron cuestións pendentes por resolver.
Nesta segunda parte os temas e valores desenvolvidos son o feminismo, a educación sobre o corpo que se concreta na menstruación, a aposta pola visión científica do mundo, o respecto á diversidade, Galicia como entidade global e o espertar adolescente.


Agardamos os comentarios das lectoras e lectores.

domingo, 8 de marzo de 2015

DÍA DA MULLER


8 de marzo, Día da Muller, unha data para reivindicar a igualdade de xénero no mundo enteiro, xa que non existe un só país onde as mulleres teñan conseguido a plena igualdade, pero tamén un día para imaxinar un mundo mellor e compartir experiencias.
  • Na mensaxe da Sra. Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO,  podemos ler:
"Empoderamento da muller, empoderamento da humanidade: imaxinémolo"
  • Para escoitar, a canción One Woman escrita para ONU Mulleresque nos lembra que se todas e todos nos unimos podemos superar a violencia e a discriminación contra as mulleres: "We shall shine!"
  • Para compartir, o proxecto Mulleres Galegas Kañeras que persegue reivindicar a figura da muller galega na música "kañera" e consiste en gravar unha canción e un videoclip entre todas as mulleres que participan.
  • Para ver, o videoclip de Guadi Galego Matriarcas

AFFICHE TON FRANÇAIS

A Asociación de Profesores de Francés de Galicia convocou un ano máis o concurso de carteis Affiche ton français para todo o alumnado de Galicia. Nesta ocasión os traballos debían inspirarse nun personaxe francófono, real ou de ficción, vivo ou morto.
Os carteis finalistas de cada centro participante, tres por categoría, estiveron expostos no IES Fontiñas durante a celebración das Xornadas Pedagóxicas organizadas pola APFG que se desenvolveron o 28 e 29 de febreiro en Santiago de Compostela.
Uxía Oviedo de Dios, cun cartel baseado no Petit Prince, resultou gañadora do primeiro premio na categoría de alumnado de 3º e 4º ESO que estudan francés como segunda lingua estranxeira. 
A entrega do premio e de mencións aos participantes realizouse na Biblioteca.