jueves, 27 de febrero de 2014

DÍA DE ROSALÍA

O 24 de febreiro, Día de Rosalía, o alumnado de Bacharelato percorreu enclaves da paisaxe ourensá e no Castro de San Cibrao de Las mozas e mozos festexaron o día do mellor xeito posible, lendo poemas de Rosalía de Castro.



martes, 25 de febrero de 2014

ROTEIRO LITERARIO

Para o alumnado de Bacharelato, o departamento de Lingua Galega e Literatura programa como actividade complementaria e extraescolar un percorrido histórico-artístico por  San Cibrao de Las, Oseira e Trasalba que ten como fío condutor algúns textos de Ramón Otero Pedrayo: 

Temos en Galiza unha arte fondamente representativa dende os moimentos máxicos ou relixiosos da alborada céltiga e da mocedá do románico hastra os luxosos crepúsculos do noso barroco.
"Encol da aldeia", Nós, 1922

Cando o chocolate fumegaba nos pocillos fondos cun ulido de virreinato, o exclaustrado remontábase ás orixes de Oseira.(...) De alí a pouco, cismando no asunto, cheguei a ollar cos ollos de auga da imaxinación as verdadeiras orixes de Oseira. Vóullelas contar en poucas verbas.
Os camiños da vida, Nós, 1928

martes, 18 de febrero de 2014

A ESMORGA

Xa comezou en Ourense a rodaxe d'A esmorga, a nova película de Ignacio Vilar, baseada na novela homónima de Eduardo Blanco Amor. Miguel de Lira será Cibrán, Antonio Durán "Morris" interpretará o papel de Eladio Vilarchao  e Karra Elejalde representará a Juan Fariña.

viernes, 14 de febrero de 2014

TERTULIAS LITERARIAS

As rapazas do club de lectura Pasamos Páxina veñen de participar nas tertulias literarias organizadas pola concellaría de cultura de Ourense. O xoves 13 de febreiro encontráronse no Liceo ourensán con outros lectores da provincia, rapazas e rapaces de Allariz e Xinzo, para debater algúns aspectos da obra de Manuel Portas, Faneca brava. A continuación, xunto co alumnado dos centros da cidade tivo lugar o encontro co autor que respondeu todas as cuestións sobre a novela e asinou os exemplares que a concellaría proporciona ao alumnado participante.

martes, 11 de febrero de 2014

MOCHILAS VIAXEIRAS

Un curso máis, saen as Mochilas viaxeiras da biblioteca. O alumnado de 1º e 2º ESO, de forma voluntaria participa na actividade que prorporciona lectura en varios idiomas e xéneros, películas, menús con almorzos saudables, guías de lecturas recomendadas polos distintos departamentos do centro e a revista Ollos de aula

lunes, 10 de febrero de 2014

DÍA DA PAZ

O DÍA DA PAZ foi a data elixida este curso para conmemorar dende todos os departamentos didácticos e con todos os cursos. A Biblioteca, dende a materia de Proxecto Interdisciplinar, participou co alumnado de 1º ESO, que se encargou de elaborar unha presentación con Palabras pacíficas en varios idiomas mencionando no seu traballo as fontes utilizadas. Unha aplicación de educación documental.


viernes, 7 de febrero de 2014

VISITA AO FARO DE VIGO

O alumnado de 1º ESO visitou o 6 de febreiro as instalacións de Faro de Vigo en Chapela. Alí, guiados por Julia, realizaron un percorrido que lles permitiu visualizar as fases, os profesionais e as funcións necesarias para quitar á rúa un xornal.
Á volta, puidemos pór en común o aprendido grazas á visita e comentar os datos que máis os sorprenderon, como as medidas das bobinas de papel empregadas, o sistema que permite movelas, o número de xornais que se poden imprimir en tan pouco tempo, o prezo dun anuncio a páxina completa ou a evolución na maquetación do xornal, dende o primeiro número en 1853 ata a actualidade.