miércoles, 23 de abril de 2014

DÍA DO LIBRO

No Día Mundial do Libro e do Dereito de Autoría, a UNESCO invita a todas as mulleres e a todos os homes a mostrar o seu apoio ao libro e a todas aquelas persoas que escriben e producen libros. Este é un día para celebrar o libro como materialización da creatividade humana e do desexo de compartir ideas e coñecementos, de inspirar entendemento e tolerancia.
A biblioteca agasallou hoxe aos seus colaboradores co marcapáxinas editado pola Consellería cun texto inédito de Paco Martín.

martes, 8 de abril de 2014

ENCONTRO CON RAMÓN CARREDANO

O club de lectura Pasamos Páxina e o departamento de Lingua Galega e Literatura programaron, para para o alumnado de 3º ESO, a lectura na aula da novela Veleno tinto de Ramón Carredano.
Despois dalgúns imprevistos, o encontro co autor tivo lugar o luns 7 de abril no Salón Rosalía de Castro. Os temas da conversa xiraron en torno á novela histórica e á escasa divulgación dos feitos acontecidos en Galicia; a mestura de personaxes históricos e de ficción; a presenza intencionada do humor e, como non, o personaxe principal, frei Samuel.
O autor respondeu as preguntas do alumnado, asinou os exemplares da biblioteca, pousou para as fotos, recomendounos a lectura e compartiu as versións en hebreo, grego e holandés de A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson.

miércoles, 2 de abril de 2014

FONTES COMPARTIDAS

O Proxecto Interdisciplinar do alumnado de 1º ESO avanza. A busca de información nos documentos impresos da biblioteca está rematada. Agora toca a busca na rede, unha busca con fontes compartidas e que cada equipo enriquecerá cun novo recurso.


martes, 1 de abril de 2014

RUTAS LITERARIAS

O último luns de marzo o alumnado de 2º ESO visitou o Museo Provincial de Lugo para participar nas Rutas Literarias. Distribuídos en catro equipos, o alumnado percorreu as distintas salas do museo para responder as cuestións da ruta asignada e relacionada cun relato de Contos de medo no museo.
O alumnado participou entusiasmado e a actividade resultou moi satisfactoria grazas ao saber estar e á preparación previa coa lectura e as Contadas dos catro relatos: "O botón encarnado" de Marilar Aleixandre, "Sangue de gato negro" de Fina Casalderrey, "O anel dos destinos cruzados" de Xosé A. Neira Cruz e "O pozo dos desexos" de Antonio Reigosa, ilustrados por Javier Huerga García.