martes, 30 de abril de 2013

DÍA DO LIBRO

Continúan as actividades para conmemorar o Día do Libro e desta volta o alumnado de 2º ESO foi o protagonista. Nunha sesión de traballo na biblioteca localizou as obras de poetas galegos e seleccionou cun criterio persoal un poema, preparou a súa lectura expresiva e memorizou o texto na casa para recitar na biblioteca. 


RECITADO DÍA DO LIBRO on PhotoPeach

lunes, 29 de abril de 2013

MOCHILAS VIAXEIRAS

Remátase o Mes do Libro e a biblioteca pon en circulación as Mochilas Viaxeiras entre o alumnado de 1º ESO.
No seu interior, documentos en galego, castelán, inglés e francés; lecturas para os máis novos e para os adultos; película para ver en familia; almorzos saudables para compartir; a revista Ollos de aula. Revista para as familias do allumnado e a invitación ás nais e pais do alumnado para converterse en socios da nosa biblioteca a través da campaña Apadriña un lector/a.




martes, 23 de abril de 2013

DÍA DO LIBRO

A biblioteca conmemora o 23 de abril.
Os taboleiros lémbrannos que hoxe é o Día da Festa do Libro e da Lectura co marca-páxinas que se pode descargar do blog de bibliotecas escolares con texto de Paula Carballeira; co poema "Un libro" de Jorge Luis Borges e cun fragmento do texto de Agustín Fernández Paz escrito en 2008 "Onde hai unha biblioteca hai unha luz".
O alumnado de 1º e 2º ESO foi agasallado coa roseta plastificada da CDU que permite entender a distribución dos fondos da biblioteca.
O alumnado de 2º ESO gravou o recitado de poemas galegos, preparado como actividade de aula para achegarse e gozar coa poesía.
E, finalmente, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizou unha exposición de títulos en lingua galega protagonizados por personaxes históricos, literarios e mitolóxicos de distintas épocas.


viernes, 19 de abril de 2013

TERTULIAS COMPARTIDAS

As alumnas de 3º e 4º ESO, despois da lectura de Febre de Héctor Carré e a posta en común nas sesións do club de lectura Pasamos Páxina, participaron nas actividades programadas para as Tertulias Literarias pola Concellería de Educación de Ourense.
Tras o xantar, o mércores 17 de abril, reuníronse no Liceo de Ourense as lectoras e lectores dos centros IES LAGOA DE ANTELA, IES CIDADE DE ANTIOQUÍA, IES SAN MAMEDE  e IES ALLARIZ para debater sobre algúns aspectos relativos ao punto de vista, á caracterización e evolución dos personaxes e ao contexto histórico no que se desenvolve a trama. 
Ao remate da tertulia, uníronse os lectores dos centros da cidade, IES OTERO PEDRAYO, IES BLANCO AMOR e IES FERRO COUSELO, para escoitar ao autor de Febre, a obra gañadora da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil que relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial.

Ler máis en CAMIÑO LONGO

miércoles, 17 de abril de 2013

KAFKA E A BONECA VIAXEIRA

As alumnas de 1º ESO non querían agardar ata o próximo curso para formar parte do Club de lectura Pasamos Páxina e os seus desexos cúmprense.
Comezamos con dous grupos de rapazas que van ler Kafka e a boneca viaxeira  de Jordi Sierra i Fabra. Reunirémonos na Zona de lectura da biblioteca nos segundos recreos para compartir "Primeiro soño: a boneca perdida", "Segunda fantasía: as cartas de Bríxida", "Terceira ilusión: o longo traxecto da boneca viaxeira", "Cuarto sorriso: o regalo" e, para rematar, "Corolario".

Ler máis: Editorial Galaxia

martes, 16 de abril de 2013

ENCONTRO CON XOSÉ MIRANDA

No Mes do Libro continúan as actividades no centro e desta volta coa presenza dun escritor consagrado da literatura galega que nos deleitou a todos os presentes.
A presentación do autor realizouna o alumnado de 3º ESO, que leu Pel de lobo, e o de 4º ESO e 1º Bacharelato con Morning Star como lectura común do 2º trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura. 
A continuación Xosé Miranda, cunha elegante lucidez analítica, compartiu cos seus lectores e lectoras a intencionalidade das súas obras, a necesidade dunha rigorosa documentación para abordar as narracións, a caracterización dos personaxes, as fontes ... e respondeu todas as cuestións e dúbidas que lle trasladou o alumnado. E, entremedias, Miranda foi pousando no auditorio o valor de dúas actitudes vitais necesarias tamén no proceso creativo: a autoestima polo propio e a práctica da escoita activa.

viernes, 12 de abril de 2013

RUTAS LITERARIAS

Coa literatura tamén viaxamos. 
Por iso, o departamento de Lingua Galega e Literatura organizou, como actividade extraescolar para o alumnado de 2º ESO, a visita ao Museo Provincial de Lugo para participar un curso máis nas Rutas Literarias.
Nesta ocasión xiraron en torno aos relatos de Contos do museo asinados por Xavier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Paco Martín e Xosé Miranda e, consecuentemente, o alumnado agrupouse na rutra da pantasma, da serpe, do paxaro ou do trasno para dar resposta dos cuestionarios coa información obtida coa lectura dos relatos e a proporcionada nas distintas salas do museo.