viernes, 21 de marzo de 2014

DÍA DA POESÍA

Dende a Biblioteca propomos unha celebración do día ao xeito de Fran Alonso en "Cinco motivos para ler poesía":

O importante da poesía non é obsesionarse por descifrala 
senón gozala, sentila e intuíla.

Que hai no taboleiro da Biblioteca? POETÍZATE


viernes, 14 de marzo de 2014

DE ROSALÍA E DA MULLER

Pasados os días sinalados para as conmemoracións, 24 de febreiro e 8 de marzo, dende a Biblioteca achégase lectura para saborear con tempo.
Por unha banda, a poesía de Rosalía [82P] e a novela  de Pedro Feijoo, publicada por Xerais, A memoria da choiva [82N], un thriller ambientado en Compostela e que lle dá protagonismo á primeira edición de Follas novas.
Por outra banda, a muller, dende diferentes épocas, funcións e perspectivas, a través da biografía [92] e da historia [94].



miércoles, 12 de marzo de 2014

ENCONTRO CON MARCOS CALVEIRO

O luns pola tarde, o Salón Rosalía de Castro acolleu o encontro de Marcos Calveiro coas lectoras e lectores das súas obras. O pintor do sombreiro de malvas, lectura común para o alumnado de Lingua Galega Literatura de 3º e 4º ESO, Todos somos e Palabras de auga, lidas no club de lectura de 2º e 1º ESO, respectivamente.
O autor presentou os cadros de Vicent Van Gogh a partir dos que creou os personaxes e a historia da súa novela, respondeu as preguntas do alumnado sobre o seu proceso creador e recalcou que a condición imprescindible para converterse en escritor é ser primeiro lector/a.


sábado, 8 de marzo de 2014

DÍA DA MULLER

Con motivo do Día Internacional das Mulleres, o Concello de Maceda levou a cabo un acto no que participaron os cursos de 4º ESO e 2º BAC do IES San Mamede. 
A xuntanza comezou cunha breve charla sobre o papel da muller na sociedade ao longo da historia, coa que se pretendía amosar os cambios que afortunadamente se deron e os que desafortunadamente faltan por darse. O obxectivo principal da exposición era fomentar un uso non sexista da linguaxe. De seguido, baixouse á Praza das Toldas, onde unha alumna, Carla Lamas, acompañada polo acordeón da profesora de música, Cristina Asenjo , cantou unha canción de temática acorde coa celebración. Para rematar, varias mulleres da vila leron un manifesto institucional no que se realzaba a importante figura da muller.
María Losada González, 2º BAC