viernes, 20 de diciembre de 2013

VACACIÓNS!


MARÍA GARCÍA MOJÓN






JORGE SEARA TORRES

NADAL LITERARIO

Aproxímase o Nadal e o alumnado de 1º ESO arrímanos os seus mellores desexos nunha tarxeta que nos achega unha recomendación literaria argumentada. Os libros foron elixidos entre as lecturas comúns do primeiro trimestre, as da biblioteca de aula ou as do verán das rapazas e rapaces que inician a súa andaina na secundaria con nós.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega entregou os premios no Festival de Nadal. Podemos ver as imaxes en O cartafol do vento.

jueves, 19 de diciembre de 2013

ENCONTRO CON NÚÑEZ SINGALA

O alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato encóntrase con Manuel Núñez Singala para xuntos degustar algúns dos pratos que nos ofrece Menú de enganos, lectura común do primeiro trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura.
Despois da presentación, o maître demandou do auditorio os pratos preferidos, pero tamén os menos apetitosos, e a carta foise abrindo para achegarnos o proceso creativo do cociñeiro nalgún dos seus manxares.
PARA PICAR, a intención de "Conmutador" e "A morte do caniche". De ENTRANTES, o valor humano que supón o recoñecemento dos nosoutros en "Elocuencia". Nos PRIMEIROS, deleitámonos con "O comezo das vacacións", "Equilibrio de forzas" e "O tobo". E dos SEGUNDOS saboreamos "A rapaza do bikini verde", "O inhalador" e "Solidariedade occidental".
Que bo nutrimento para o espírito! Só faltou tempo para unha sobremesa repousada.

miércoles, 18 de diciembre de 2013

TODOS SOMOS

O club de lectura de 2º ESO reúnese para achegarse ao libro finalmente elixido, aínda que tiñamos moitas máis propostas, algunhas extraídas do "Doce anos despois" de Cartas de inverno. Para outra ocasión!
Desta volta, Todos somos de Marcos Calveiro que comezaremos a ler xa no novo ano para logo encontrarnos co autor e poder compartir reflexións.

 

lunes, 2 de diciembre de 2013

TERTULIAS LITERARIAS DE ALLARIZ

O 27 de novembro, nas instalacións da Radio local de Allariz, viaxamos no tempo de Islandia a Brasil, da Brataña francesa a Chile e París da man do autor de Hora zulú, Santiago Lopo. Os compoñentes dos clubs de lectura da vila anfitrioa, do IES Lagoa de Antela (Xinzo) e mais o de Maceda, puidemos preguntarlle ao escritor sobre a existencia de universos paralelos, a obsesión do protagonista por querer parar o tempo, o ecoloxismo ... Deste xeito, foinos desvelando as claves do proceso de creación da novela e a tertulia resultou sumamente interesante.



viernes, 29 de noviembre de 2013

CÓMICS NOSOS

O alumnado de 2º ESO elaborou no mes de novembro un cómic, como produto do Proxecto escrito da materia de Lingua Galega e Literatura. O tema resultou fácil de elixir, recrear unha situación de Cartas de inverno, obra de lectura común no primeiro trimestre, e que tan bos momentos deixou na aula os días da posta en común. Mérito de Agustín Fernández Paz.

martes, 5 de noviembre de 2013

HORA ZULÚ

Xa están constituídos os grupos do Club de lectura Pasamos Páxina e as primeiras en reunirse na biblioteca para comezar a lectura foron Miriam e as compañeiras de 4º ESO: Raquel, Kelly, Rocío, Sara, Laura, Iria e Paula.
O libro, Hora zulú de Santiago Lopo.



lunes, 4 de noviembre de 2013

BIBLIOTECA PÚBLICA

A biblioteca organiza, un curso máis, a actividade extraescolar co alumnado de 1º ESO para visitar a Biblioteca pública de Maceda e solicitar o carné lector. Coma sempre, contamos coa hospitalidade de Avelina Losada.

lunes, 28 de octubre de 2013

CONCERTO POLA BIBLIOTECA

Queremos compartir a actuación dos compañeiros de 1º Bacharelato que nos fixeron gozar na celebración do Día da Biblioteca. Beizóns para ela e eles!





lunes, 21 de octubre de 2013

DÍA DA BIBLIOTECA

Para conmemorar o Día da Biblioteca, este ano música en directo. E mellor aínda, os artistas invitados son compañeiros de 1º Bacharelato:  Carla Álvarez Rodríguez e a banda formada por Ismael del Campo López, Brais Gómez Alonso e Darío Xoán Pérez Cuenca.

Cartel de Ismael del Campo López

Como o día 24 facemos folga, o concerto vai ter lugar o día 25.

martes, 15 de octubre de 2013

MES DA BIBLIOTECA

Os usuarios volven poboar a biblioteca e algúns deles convértense en membros do equipo de apoio nas funcións de xestión e dinamización programadas para este curso. Un verdadeiro pracer!


viernes, 27 de septiembre de 2013

BENVIDA Á IRMANDADE DA LECTURA

No comezo do novo curso a biblioteca abre as súas páxinas e ofrece á comunidade educativa unha morea de posibilidades para compartirmos informacións, reflexións, ficcións, manifestacións artísticas, emocións e valores.
A primeira nova para partillar é a resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares para 2013/2014 que nos integra na Rede de bibliotecas escolares galegas cun total de 524 centros e nos asigna unha contía de 5450€ para apoiar o proceso de transformación da nosa biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe de acordo coas liñas prioritarias de actuación presentadas no Proxecto.
Parabéns para a Irmandade lectora do IES San Mamede!

                              






jueves, 20 de junio de 2013

ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA

Remata o curso e o Club de lectura despídese ata o próximo cunha xornada compartida cos clubs de lectura do IES Lagoa de Antela e do IES de Celanova que tivo lugar o luns 17 de xuño en Celanova. Alí os anfitrións recibíronnos na súa biblioteca e participamos no recitado de poetas galegos con acompañamento; asistimos ao percorrido guiado polo instituto, e á visita ao Mosteiro de San Salvador, á capela mozárabe de San Miguel e a’A Casa dos poetas.
Un día estupendo que agardamos repetir o próximo curso cun percorrido por Maceda.

viernes, 14 de junio de 2013

PROXECTO USHA

O proxecto final de Lingua Galega e Literatura en 1º ESO xirou en torno á lectura común do terceiro trimestre, Usha de María Reimóndez. Despois da lectura e análise da obra literaria, os equipos buscaron información para achegarse á realidade da India tendo en conta as reflexións da protagonista da obra. Elaboraron unha Presentación Power Point para acompañar a exposición oral que se desenvolveu na biblioteca.

Linguas da India                                 Vestimenta e gastronomía



A situación da muller                                                        Relixión

                        

martes, 11 de junio de 2013

MEDIO AMBIENTE E CIDADES

Ao alumnado do club de lectura de 2º ESO coincidiulle a conmemoración do Día do Medio Ambiente coa lectura de Cidades de Fran Alonso e seleccionou para ler na biblioteca aqueles poemas relacionados coa conmemoración: 
"Os peixes da cidade"
"Esta miña urbe ten moitos defectos"
"As árbores da miña cidade están soas"
"No zoolóxico hai un dromedario"
"Na cafetería hai flores"
"Cando a cidade enferma"

miércoles, 5 de junio de 2013

DÍA DO MEDIO AMBIENTE

O Día mundial do Medio Ambiente celébrase dende 1972 cada 5 de xuño. Este día foi establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa que se iniciou a Conferencia de Estocolmo co Medio Humano como tema principal.

A finalidade é sensibilizar a opinión mundial en relación a temas ambientais, motivando as persoas para que se transformen en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo; promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara a temas ambientais, e fomentar a cooperación, pois esta garantirá que todas as nacións e persoas gocen dun futuro máis prospero e seguro.


Para ler, a adaptación dun fragmento d'A casa dos Lucarios de Teresa Moure: 

O Chicho sempre contou entre os seus fillos a Dosinda. Mais como volo hei de explicar? Dosinda non naceu do ventre de Rosa. Dosinda non é humana. Non quero dicir que sexa inhumana, que Dosinda sempre foi boa coma un pan: Dosinda é unha sobreira.
A ningún dos fillos de Chicho lle pareceu nunca raro ter como irmá unha árbore que, en matinando un pouco, axiña hase decatar calquera que os humanos somos mesmamente bechos e non outra cousa ningunha, e que igual que podes ter unha irmá falangueira e tarabela, ou irmán lercho ou lacazán, podes ter un irmán árbore.
Ninguén pode contar o nacemento de Dosinda. Ninguén lembra ese momento, xa remoto. Seguro que a semente de Dosinda se chantou na terra como por acaso moito antes de que os meus se instalasen en Ferreira e se decatasen da necesidade de se ancoraren á terra con raíces propias. Porén, o conto foi máis complicado.
Cada vez que Rosa traía unha nova criatura ao mundo, o seu home ía correndo co pico e a pa plantar unha árbore que a suxeitase ao chan, "para impedir que os soños vos fagan voar tan alto que batades coa cheminea", dicía el, aínda que todos sabían que a árbore era un símbolo educativo porque el pensaba que lles abondaría con ter diante o bo exemplo dun ser vivo medrando dereito para arriba, de xeito acaído, desafiando o vento que sopra, para que fosen cumpridores e espelidos nas obrigas, ademais dun chisco rebeldes, que en deixarse guiar non hai submisión ningunha, senón fame de aprender.






                            

lunes, 20 de mayo de 2013

CIDADES

Na recta final do curso, os membros do Club de lectura de 2º ESO len Cidades de Fran Alonso que, revisado e ilustrado polo autor, foi unha das novidades da colección Sopa de libros da editorial Xerais.
Tras a primeira lectura parcial e subxectiva, queremos compartir con vós o poema seleccionado: 

En todas as cidades hai historias que contar.
Na miña, podería contarvos
a historia dun tolo triste,
que se amarra cunha corda aos semáforos,
e fala con eles.
Os domingos dille a todo o mundo
que marcha de viaxe.
E vai á estación,
a ver saír o tren,
e logo volve ao semáforo,
a conversar.
Bartolo é un triste tolo,
un tolo louco semafórico.
Cando lle falas ponse colorado.
Cando che fala ponse verde.
Cando conversa co semáforo póñenselle 
ollos de laranxa intermitente, ollos
de Bartolo, o tolo.

jueves, 16 de mayo de 2013

DÍA DAS LETRAS

Na véspera do DÍA DAS LETRAS podemos ver como os taboleiros do centro se enchen coas imaxes de Roberto Vidal Bolaño, a biblioteca expón as súas obras, algunhas xa lidas polo alumnado como Saxo tenor e As actas escuras, e outras agardando polos lectoras/es; e o alumnado de 1º ESO ensaia a lectura dramatizada de Touporroutou da Lúa e do Sol, que representará na despedida do curso.
Continuaremos ao longo do mes achegándonos á obra de Roberto Vidal Bolaño  quen tanto e tan ben contribuíu á normalización do teatro e da lingua galega.

Ademais unha canción que nos achega Paco Nogueiras Espirito Vidal Bolaño

viernes, 3 de mayo de 2013

MES DAS LETRAS

Comeza o Mes das Letras e o alumnado de 1º ESO participa no Correlingua, unha manifestación pacífica, amábel e festeira a prol da lingua galega, percorrendo as rúas de Ourense xunto con outros compañeiros e compañeiras da provincia, para amosar o seu orgullo pola lingua de noso.


CORRELINGUA on PhotoPeach

martes, 30 de abril de 2013

DÍA DO LIBRO

Continúan as actividades para conmemorar o Día do Libro e desta volta o alumnado de 2º ESO foi o protagonista. Nunha sesión de traballo na biblioteca localizou as obras de poetas galegos e seleccionou cun criterio persoal un poema, preparou a súa lectura expresiva e memorizou o texto na casa para recitar na biblioteca. 


RECITADO DÍA DO LIBRO on PhotoPeach

lunes, 29 de abril de 2013

MOCHILAS VIAXEIRAS

Remátase o Mes do Libro e a biblioteca pon en circulación as Mochilas Viaxeiras entre o alumnado de 1º ESO.
No seu interior, documentos en galego, castelán, inglés e francés; lecturas para os máis novos e para os adultos; película para ver en familia; almorzos saudables para compartir; a revista Ollos de aula. Revista para as familias do allumnado e a invitación ás nais e pais do alumnado para converterse en socios da nosa biblioteca a través da campaña Apadriña un lector/a.




martes, 23 de abril de 2013

DÍA DO LIBRO

A biblioteca conmemora o 23 de abril.
Os taboleiros lémbrannos que hoxe é o Día da Festa do Libro e da Lectura co marca-páxinas que se pode descargar do blog de bibliotecas escolares con texto de Paula Carballeira; co poema "Un libro" de Jorge Luis Borges e cun fragmento do texto de Agustín Fernández Paz escrito en 2008 "Onde hai unha biblioteca hai unha luz".
O alumnado de 1º e 2º ESO foi agasallado coa roseta plastificada da CDU que permite entender a distribución dos fondos da biblioteca.
O alumnado de 2º ESO gravou o recitado de poemas galegos, preparado como actividade de aula para achegarse e gozar coa poesía.
E, finalmente, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizou unha exposición de títulos en lingua galega protagonizados por personaxes históricos, literarios e mitolóxicos de distintas épocas.


viernes, 19 de abril de 2013

TERTULIAS COMPARTIDAS

As alumnas de 3º e 4º ESO, despois da lectura de Febre de Héctor Carré e a posta en común nas sesións do club de lectura Pasamos Páxina, participaron nas actividades programadas para as Tertulias Literarias pola Concellería de Educación de Ourense.
Tras o xantar, o mércores 17 de abril, reuníronse no Liceo de Ourense as lectoras e lectores dos centros IES LAGOA DE ANTELA, IES CIDADE DE ANTIOQUÍA, IES SAN MAMEDE  e IES ALLARIZ para debater sobre algúns aspectos relativos ao punto de vista, á caracterización e evolución dos personaxes e ao contexto histórico no que se desenvolve a trama. 
Ao remate da tertulia, uníronse os lectores dos centros da cidade, IES OTERO PEDRAYO, IES BLANCO AMOR e IES FERRO COUSELO, para escoitar ao autor de Febre, a obra gañadora da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil que relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial.

Ler máis en CAMIÑO LONGO

miércoles, 17 de abril de 2013

KAFKA E A BONECA VIAXEIRA

As alumnas de 1º ESO non querían agardar ata o próximo curso para formar parte do Club de lectura Pasamos Páxina e os seus desexos cúmprense.
Comezamos con dous grupos de rapazas que van ler Kafka e a boneca viaxeira  de Jordi Sierra i Fabra. Reunirémonos na Zona de lectura da biblioteca nos segundos recreos para compartir "Primeiro soño: a boneca perdida", "Segunda fantasía: as cartas de Bríxida", "Terceira ilusión: o longo traxecto da boneca viaxeira", "Cuarto sorriso: o regalo" e, para rematar, "Corolario".

Ler máis: Editorial Galaxia

martes, 16 de abril de 2013

ENCONTRO CON XOSÉ MIRANDA

No Mes do Libro continúan as actividades no centro e desta volta coa presenza dun escritor consagrado da literatura galega que nos deleitou a todos os presentes.
A presentación do autor realizouna o alumnado de 3º ESO, que leu Pel de lobo, e o de 4º ESO e 1º Bacharelato con Morning Star como lectura común do 2º trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura. 
A continuación Xosé Miranda, cunha elegante lucidez analítica, compartiu cos seus lectores e lectoras a intencionalidade das súas obras, a necesidade dunha rigorosa documentación para abordar as narracións, a caracterización dos personaxes, as fontes ... e respondeu todas as cuestións e dúbidas que lle trasladou o alumnado. E, entremedias, Miranda foi pousando no auditorio o valor de dúas actitudes vitais necesarias tamén no proceso creativo: a autoestima polo propio e a práctica da escoita activa.

viernes, 12 de abril de 2013

RUTAS LITERARIAS

Coa literatura tamén viaxamos. 
Por iso, o departamento de Lingua Galega e Literatura organizou, como actividade extraescolar para o alumnado de 2º ESO, a visita ao Museo Provincial de Lugo para participar un curso máis nas Rutas Literarias.
Nesta ocasión xiraron en torno aos relatos de Contos do museo asinados por Xavier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Paco Martín e Xosé Miranda e, consecuentemente, o alumnado agrupouse na rutra da pantasma, da serpe, do paxaro ou do trasno para dar resposta dos cuestionarios coa información obtida coa lectura dos relatos e a proporcionada nas distintas salas do museo.

viernes, 22 de marzo de 2013

ENCONTRO CON ELENA GALLEGO ABAD

O Club de lectura de 2º ESO recibiu a visita da autora de DRAGAL, o dragón galego, para comentar con ela o primeiro libro da triloxía publicada por Xerais. Despois das presentacións, a escritora explicou o xerme da historia, a caracterización dalgúns personaxes, a importancia da documentación e  os novos proxectos xurdidos para a realización do cómic e mais da película de Dragal. Logo respondeu as preguntas das lectoras e lectores dragalizados e fotografouse con eles.

DRAGAL on PhotoPeach

lunes, 18 de marzo de 2013

CONTADAS DO MUSEO

As alumnas e alumnos de 2º ESO convértense en contacontos. O punto de partida estivo na lectura e traballo de aula realizado con Contos do museo. A continuación, a formación de catro equipos, un por cada conto; a selección da información e a preparación na casa; unha sesión de ensaio xeral e, finalmente, as contadas na biblioteca de "Visita nocturna", "A serpe de pedra", "Un paxaro posible" e "Un trasno do museo no Tour de Francia".

CONTADAS DO MUSEO on PhotoPeach

miércoles, 13 de marzo de 2013

CERTAME LITERARIO MARÍA BALTEIRA

O alumnado do IES San Mamede participou no I Certame de literatura feminista María Balteira convocado para os centros de Allariz, Maceda e Xinzo de Limia. 
Na primeira fase foron seleccionados catro traballos, dous relatos e dous poemas, e as autoras asistiron á entrega de premios celebrado o 8 de marzo na Casa da Cultura de Xinzo. A encargada de seleccionar as obras premiadas foi a poeta Marta Dacosta que gabou a participación e a calidade de todas as producións, aínda que só se puidese premiar unha por modalidade e categoría. 
Parabéns a todos os participantes e, especialmente, ás galardoadas: 
Andrea Cid López
Alba González González
María Losada González 
Erika Novoa Conde


lunes, 11 de marzo de 2013

OBRADOIRO DE POESÍA

No mes da Poesía, comezan as actividades de aula e da biblioteca para achegarse ao xénero, coñecelo e gozalo. As primeiras, as alumnas do Club de lectura de 3º e 4º ESO que asistiron a un Obradoiro de poesía impartido por Carlos Negro. Con el gozaron das posibilidades expresivas da linguaxe poética e agardan volver contar coa súa presenza noutra ocasión porque o tempo da sesión pareceulles insuficiente.


OBRADOIRO DE POESÍA on PhotoPeach

viernes, 8 de marzo de 2013

DÍA DA MULLER

A lectura dalgunhas entradas d'O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, editado na colección Costa Oeste de Galaxia, permitiulle ao alumnado de 1º ESO reflexionar sobre as moitísimas situacións do noso día a día que tomamos como normais cando, en realidade, son todo un exercicio de discriminación e inxustiza.
Carlota recibe da súa avoa a encomenda de observar o mundo cunhas lentes de cor violeta, é dicir, dende unha óptica feminista e igualitaria para decatarse das situacións inxustas, de desvantaxe e de menosprezo cara á muller.
Tras a lectura e a reflexión, o alumnado confeccionou as lentes de cor violeta que lle permitirán cuestionar os valores androncéntricos e camiñar cara á igualdade real.

viernes, 1 de febrero de 2013

DÍA DA PAZ

A paz non é soamente a ausencia da guerra; mentres haxa pobreza, racismo, discriminación e exclusión dificilmente poderemos alcanzar un mundo de paz. Rigoberta Menchú, Nobel da Paz.
Para fomentar a reflexión sobre a ausencia da mesma, varias foron as actividades desenvolvidas no centro. Dende a biblioteca ofreceuse unha selección de lecturas que o alumnado de 1º ESO C decorou con pombas que transportan en varias linguas o termo paz e serviu de escenario para a lectura de citas e poemas buscados na rede polas rapazas e rapaces de 1º ESO A que tamén presentaron no corredor a exposición de grous de papiroflexia titulada "UN GROU POLA PAZ".
Finalmente, como reflexión colectiva, achegar unha parte do discurso de Albert Camus, Premio Nobel de Literatura en 1959:
"Cada xeración, sen dúbida, crese destinada a refacer o mundo. A miña sabe, non obstante, que non o refará. Pero a súa tarefa quizais sexa aínda máis grande. Consiste en impedir que o mundo se desfaga. Herdeira dunha historia corrompida, na que se mesturan as revolucións frustradas, as técnicas entolecidas, os deuses mortos e as ideoloxías extenuadas; cando poderes mediocres poden destruílo todo, pero xa non saben convencer; cando a intelixencia se ten rebaixado ata converterse en criada do odio e da opresión, esta xeración vén tendo, en si mesma e arredor de si mesma, que restaurar, a partir das súas negacións, un pouco do que fai digno o vivir e o morrer."

miércoles, 23 de enero de 2013

A FORMA DAS NUBES

As mozas e mozos de Bacharelato comezarán o ano no Club de lectura coa obra de María López Sández.

Narrada en primeira persoa, cunha voz que conxuga o presente e o pasado da protagonista, A forma das nubes é unha pescuda na infancia como xeito de comprender o amor e fuxir do desamparo no que nos deita a vida. A fotografía, o cinema, a moda e a beleza configuran o pano de fondo desta narración que María López Sández escancia cun ritmo intenso, constante; ritmo narrativo ao que se suma o contrapunto dun enigma central que a novela aproveita como recurso literario e como estímulo para o pensamento de quen le.

Cando ten trece anos, unha rapaza emprende unha viaxe que o ha cambiar todo e na que coñece unha actriz engaiolante e cativadora. Xa adulta, lembra aqueles momentos tinguidos de beleza e violencia. Os retallos do pasado, os fragmentos de lembranzas, deseñan un mosaico no que a protagonista procura unha forma, un sentido, coma quen contempla as nubes para recoñecer nelas figuras do mundo real.