lunes, 27 de enero de 2014

A FORMA DAS NUBES

O club de lectura de 1º Bacharelato, da man de Yolanda, xa comezou a lectura da novela de María López Sández. As súas integrantes (Xiana, Iria, Leticia, Andrea, Rebeca, Natalia e María) poderán gozar coma quen contempla as nubes para recoñecer nelas figuras do mundo real, un xeito de fuxir do desamparo que por veces nos deita a vida.

Podemos ler máis no Blog da biblioteca do IES Porto do Son.


lunes, 20 de enero de 2014

PALABRAS DE AUGA

A  novela Palabras de auga, de Marcos Calveiro, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, incluído nas Listas de Honra do IBBY, entre os nove libros que presentou á selección a OEPLI (Organización Española para el Libro Infanil y Juvenil), é a lectura que o alumnado do club de lectura de 1º ESO vai compartir neste inicio de ano.
Realizaremos a viaxe cara ao interior do continente africano e da súa cultura a través dun relato cativador e conmovedor, que non oculta a crueza da existencia para moitas persoas, e cunhas magníficas ilustracións de Ramón Trigo. 


viernes, 10 de enero de 2014

CLUB DE LECTURA

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fai pública no Portal Educativo, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a convocatoria para incentivar o funcionamento de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario (ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Adultos, Ensinanzas de Réxime Especial), para o curso 2013/2014. Un total de 209 centros con club de lectura (un ou varios grupos) reciben axuda para o funcionamento desta iniciativa, encadrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino. 
Parabéns aos integrantes do Club de lectura Pasamos Páxina porque o seu é un dos proxectos subvencionados con 1000€.

viernes, 20 de diciembre de 2013

VACACIÓNS!


MARÍA GARCÍA MOJÓN






JORGE SEARA TORRES

NADAL LITERARIO

Aproxímase o Nadal e o alumnado de 1º ESO arrímanos os seus mellores desexos nunha tarxeta que nos achega unha recomendación literaria argumentada. Os libros foron elixidos entre as lecturas comúns do primeiro trimestre, as da biblioteca de aula ou as do verán das rapazas e rapaces que inician a súa andaina na secundaria con nós.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega entregou os premios no Festival de Nadal. Podemos ver as imaxes en O cartafol do vento.

jueves, 19 de diciembre de 2013

ENCONTRO CON NÚÑEZ SINGALA

O alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato encóntrase con Manuel Núñez Singala para xuntos degustar algúns dos pratos que nos ofrece Menú de enganos, lectura común do primeiro trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura.
Despois da presentación, o maître demandou do auditorio os pratos preferidos, pero tamén os menos apetitosos, e a carta foise abrindo para achegarnos o proceso creativo do cociñeiro nalgún dos seus manxares.
PARA PICAR, a intención de "Conmutador" e "A morte do caniche". De ENTRANTES, o valor humano que supón o recoñecemento dos nosoutros en "Elocuencia". Nos PRIMEIROS, deleitámonos con "O comezo das vacacións", "Equilibrio de forzas" e "O tobo". E dos SEGUNDOS saboreamos "A rapaza do bikini verde", "O inhalador" e "Solidariedade occidental".
Que bo nutrimento para o espírito! Só faltou tempo para unha sobremesa repousada.

miércoles, 18 de diciembre de 2013

TODOS SOMOS

O club de lectura de 2º ESO reúnese para achegarse ao libro finalmente elixido, aínda que tiñamos moitas máis propostas, algunhas extraídas do "Doce anos despois" de Cartas de inverno. Para outra ocasión!
Desta volta, Todos somos de Marcos Calveiro que comezaremos a ler xa no novo ano para logo encontrarnos co autor e poder compartir reflexións.