O alumnado de 1º ESO achegouse á figura e obra de Rosalía de Castro para a conmemoración deste ano.
Tras a busca de información e a cita das fontes, elixiron un poema da autora para recitar na biblioteca, baixo o lema Eu son Rosalía da Asociación de Escritores en Lingua Galega, en cuxo manifesto podemos ler:
Ánimo, compañeiras! Arriba todas, rapaciñas do lugar. Nós somos arpa de soio dúas cordas, a imaxinación i o sentimento. Que o seu son se disolva, pois, nunha mesma música, nun himno común. Porque celebrar o nacemento de Rosalía de Castro é festexar o perpetuo renacer deste país que nos acolle e identifica; é aturuxar con orgullo na nosa lingua e sentir que formamos parte dunha comunidade poética, por enriba de calquera circunstancia.
Por enriba de calquera circunstancia todas as galegas e galegos somos Rosalía! E hoxe, máis que nunca, debemos deixar que a súa voz fale en cada unha, en cada un de nós.