sábado, 31 de diciembre de 2016

CLUB DE LECTURA

 Antes de rematar o trimestre, os membros do club de lectura reúnense para presentar as obras e realizar o préstamo para o Nadal: María e mais eu, Presas fáciles, O pintor do sombreiro de malvas e As horas roubadas.


viernes, 23 de diciembre de 2016

VAI DE CÓMICS

Os alumnos de 4º ESO, María García, Roi Poza e Paula Ruido, colaboradores da biblioteca, elabororaron un formulario sobre algúns dos cómics expostos durante o primeiro trimestre. PARTICIPA.

martes, 20 de diciembre de 2016

Dereitos Humanos

Para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos Humanos o alumnado de 2º ESO leu na biblioteca os artigos da Declaración da ONU.



sábado, 3 de diciembre de 2016

TERTULIAS LITERARIAS DE ALLARIZ

Desprazámonos a Allariz para participar nas Tertulias literarias que se desenvolveron con alumnado de Bacharelato sobre a última novela de Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, e para encontrarnos coa autora que respondeu todas as preguntas que o alumnado lle fixo sobre as protagonistas e os temas. Un auténtico pracer para todos e o noso agradecemento a María Sánchez pola súa organización.










viernes, 25 de noviembre de 2016

CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA


O alumnado de 4º ESO elaborou na sesión de Titoría uns cartaces para loitar contra a violencia de xénero.


E nun obradoiro organizado polo departamento de Orientación unha performance para amosar nos actos organizados polo Concello.




miércoles, 2 de noviembre de 2016

SAMAÍN NA BIBLIOTECA

O Samaín chega á biblioteca da man do alumnado de 2º ESO que, como proxecto oral do primeiro trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura, vén de crear e ilustrar relatos de medo para logo contalos.





viernes, 21 de octubre de 2016

VISITA Á BIBLIOTECA PÚBLICA

Un curso máis, Avelina Losada, a bibliotecaria, acolle o alumnado de 1º ESO para amosarlle os servizos da Biblioteca Pública Francisco Carballo. Alí compartimos o manifesto de Ledicia Costas, unha autora xa coñecida polo alumnado que leu as súas obras en Primaria e quixo ilustralas para todos nós.








lunes, 17 de octubre de 2016

LECTURA E ILUSTRACIÓN

O alumnado de 2º ESO está a ler Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz e achégannos as súas ilustracións da casa de Adrián Novoa en Doroña.







viernes, 14 de octubre de 2016

BIBLIOTECAS SOLIDARIAS

Como acto para conmemorar o mes da biblioteca, no recreo tivo lugar a entrega de diplomas ao alumnado colaborador do curso pasado.








viernes, 7 de octubre de 2016

BIBLIOAPERTURA

A Biblioteca abre as súas portas e chama a atención de toda a comunidade educativa para descubrir todas as posibilidades que nos ofrece para a lectura, a investigación e a aprendizaxe.




miércoles, 22 de junio de 2016

POETIZANDO

A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos. Fran Alonso.
O alumnado de 2º Bacharelato despide o curso con recomendacións poéticas para o verán e para sempre.






lunes, 13 de junio de 2016

EL FUEGO EN EL QUE ARDO

El fuego en el que ardo é a primeira novela de Mike Lightwood, blogueiro (www.alasdepapel.com) e youtuber (www.yotube.com/MaikoVlogs) que comparte cos seus seguidores contidos relacionados coa literatura, mediante diferentes iniciativas. Tamén se dedica a traducir ao español distintas novelas, faceta na que xa conta con máis de vinte libros traducidos. O libro trata diferentes temas, como son a homosexualidade, o acoso escolar, a violencia doméstica, a necesidade de amizade, o amor… Na obra, ambientada na época actual e nun espazo propio de calquera adolescente, Óscar, o protagonista, mostra como os seus compañeiros de instituto comezan a burlarse del no momento en que se decatan de que é gai. Nesta situación, o protagonista ten que soportar situacións totalmente inhumanas, que continúan ao chegar á casa, onde seu pai maltrata tanto a súa nai coma a el. En cambio, vai coñecendo persoas que lle ensinarán que sempre hai luz ao final do túnel.

        Ademais da historia que nos conta, o libro ten unha edición moi especial, cunha cuberta que nos mostra a dous rapaces que se poderían corresponder con varios personaxes da historia. Esta historia conta cunha temática totalmente vixente hoxe en día e que mostra como pode ser o día a día de moitos rapaces e rapazas. Os capítulos intercálanse con historias do pasado nas que podemos atopar numerosas referencias que axudan a comprender mellor a historia.

        Este é un libro que todos os mozos deberían ler para decatarse de cómo o poden estar pasando algúns compañeiros ou para entender o que eles senten e así superalo, en caso de estar na mesma situación que o protagonista. Unha historia emotiva, triste e crúa coma a propia realidade, contada sen eufemismos, e cunha maxia que chega directa ao corazón.

UXÍA OVIEDO DE DIOS

sábado, 4 de junio de 2016

ENCONTRO CON DIEGO AMEIXEIRAS

O alumnado de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato asisitiu ao encontro con Diego Ameixeiras, autor das obras de lectura común do terceiro trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura.





miércoles, 1 de junio de 2016

MANUEL MARÍA

O alumnado de 1º ESO A buscou nos fondos expostos na biblioteca un poema de Manuel María, para ler, memorizar e recitar. Un traballo avaliado no proxecto oral do 3º trimestre.

viernes, 27 de mayo de 2016

TERTULIAS LITERARIAS DE OURENSE

O alumnado do club de lectura de 4º ESO e 1º Bacharelato volven a Ourense para participar con outros clubs da provincia nas Tertulias literarias onde compartiron reflexións sobre a forma e os temas de O derradeiro libro de Emma Olsen e logo asistiron ao encontro con Berta Dávila, a autora da novela.


viernes, 13 de mayo de 2016

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

A Biblioteca dá a coñecer o cartel, elaborado por Uxía Oviedo de Dios, que o EDLG publica para conmemorar o Día das Letras Galegas, e ofrece unha selección de fondos de Manuel María para poder traballar nas aulas.





martes, 10 de mayo de 2016

KAFKA E A BONECA VIAXEIRA

Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Sierra i Fabra foi a lectura do club de 1º ESO para o terceiro trimestre. A medida que se ía lendo e reflexionando foise creando unha presentación con fragmentos da novela, resumos e imaxes.


viernes, 29 de abril de 2016

ENGURRAS

O alumnado do club de lectura de 2º ESO reuniuse na biblioteca para ler, comentar a obra de Paco Roca e realizar a lectura dramatizada de Engurras que podemos gozar en O cartafol do vento.