El fuego en el que ardo é a primeira novela de Mike Lightwood, blogueiro (www.alasdepapel.com) e youtuber (www.yotube.com/MaikoVlogs) que comparte cos seus seguidores contidos relacionados
coa literatura, mediante diferentes iniciativas. Tamén se dedica a traducir ao
español distintas novelas, faceta na que xa conta con máis de vinte libros
traducidos. O libro trata diferentes temas, como son a homosexualidade, o acoso
escolar, a violencia doméstica, a necesidade de amizade, o amor… Na obra,
ambientada na época actual e nun espazo propio de calquera adolescente, Óscar,
o protagonista, mostra como os seus compañeiros de instituto comezan a burlarse
del no momento en que se decatan de que é gai. Nesta situación, o protagonista ten
que soportar situacións totalmente inhumanas, que continúan ao chegar á casa,
onde seu pai maltrata tanto a súa nai coma a el. En cambio, vai coñecendo
persoas que lle ensinarán que sempre hai luz ao final do túnel.
Ademais da historia que nos conta, o
libro ten unha edición moi especial, cunha cuberta que nos mostra a dous
rapaces que se poderían corresponder con varios personaxes da historia. Esta
historia conta cunha temática totalmente vixente hoxe en día e que mostra como
pode ser o día a día de moitos rapaces e rapazas. Os capítulos intercálanse con
historias do pasado nas que podemos atopar numerosas referencias que axudan a
comprender mellor a historia.
Este é un libro que todos os mozos
deberían ler para decatarse de cómo o poden estar pasando algúns compañeiros ou
para entender o que eles senten e así superalo, en caso de estar na mesma
situación que o protagonista. Unha historia emotiva, triste e crúa coma a
propia realidade, contada sen eufemismos, e cunha maxia que chega directa ao
corazón.
UXÍA OVIEDO DE DIOS
No hay comentarios:
Publicar un comentario